A cervexa

“Millo en Rodeiro e fabas en Lagazós, ¡vaia por Dios!”. Non queda outra que elaborar cervexa.

Tamén ten sido TOUPA quen me ten ofrecido o meu primeiro contacto sensorial e gustativo coa cervexa. Naqueles calorosos días de verán angazando na herba e subindo as gabelas o remolque, os descansos ao pé das cerdeiras, eran refrescados por uns, para min, primeiros grolos de cervexa Skol, logo chegando a eira e facendo os palleiros.

Xa neste século, participando nun plan integral da Deputación de Lugo, e organizando obradoiros de elaboración de cervexa, vai callando a idea de elaborar unha cervexa ecolóxica.

Ese compromiso que TOUPA poñía no coidado da terra quixemos incorporalo a ese mesmo compromiso que nos poñemos na elaboración da cervexa.

TOUPIÑA, como cariñosamente me refería a TOUPA, tiña que ser o nome da nosa cervexa, e no mesmo preténdese condensar todo ese amor e a nosa paixón en ofrecer o mellor sabor.

Tense traballado arreo, téñense realizado moitas catas a cegas até comprobar que se elaborou un bon produto. É despois deste proceso cando se decide lanzalo ao público.

Gostamos de que os consumidores e os coñecedores da cervexa disfruten de TOUPIÑA.

TOUPIÑA é un lote de cervexa ecolóxica elaborada coas mellores maltes e lúpulos ecolóxicos.

A serie cervexeira comezará, neste caso facendo un chiscaollo paterno (tataravoa), cunha numeración seriada, tal como dela aprendín a contar, polo que a primeira será “UNE”.